Existen datas e acontecementos que actúan como aldabas, que dan paso a un escenario novo. Dende logo, a acontecido na Ciadella este mesmo sábado pode considerarse un deses sucesos catárquicos. Durante moitos anos, o forte romano nutríse de todos os preconceitos que acompañan á percepción que moita xente ten da arqueoloxía: que "si aí non vai ninguén", que "as pedras non dan cartos", que "traballar no campamento é tirar o diñeiro", que "os poucos que van son frikis que non paran no pobo", ... e así moitos máis. Comentarios falsos que só desilusionaban e obstaculizaban a súa posta en valor. Pero este sábado 19 de febreiro, todo fixo boom!
A visita guiada á escavación, organizada por Terra Arqueos coa colaboración do Concello de Sobrado, superou todas as espectativas en canto a convocatoria e xestión, e supuxo un éxito sen precedentes: 153 asistentes (prazas esgotadas e moitos máis que quedaron en reserva); tres viaxes de ida e volta do bus lanzadeira, posto polo concello, entre a praza de Sobrado e o xacemento; cómoda e amplia área de aparcamento no campo de fútbol de Ciadella, cedido e acondicionado pola Asociación de Veciños; catro arqueólogos ao pé do cañón xestionando o aluvión: unha para xestionar a recepción das visitas e tres para guiar os percorridos; tres grupos simultáneos con itinerarios previamente acordados para non mesturarse, etc.
O director da actuación, Luis Francisco López, de Terra Arqueos, cun dos grupos de visita
Hai que subliñar, asemade, a gran cantidade de grupos familiares que acudiron (incluso coas súas mascotas), así como a variada procedencia de todos: dende as sete cidades galegas (A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago, Vigo e Ferrol), ata moitas vilas (Sada, Oleiros, Melide, Guitiriz, Ordes, Carballo, Laxe, etc.), pasando polo público de proximidade (Curtis, Teixeiro, Vilasantar, Boimorto e, por suposto, Sobrado).
Todos os éxitos teñen unhas claves. As desta xornada, con respecto á asistencia masiva deben buscarse nun plan de divulgación activo dende o mes de outubro, con presencia continuada nas redes sociais, na acertada difusión da convocatoria e no atractivo do propio xacemento arqueolóxico. Polo que se refire á xestión da visita, un reto vista a cantidade de visitantes, radica, sen dúbida, na colaboración establecida co Concello de Sobrado e coa Asociación de Veciños, así como unha programación feita dende había días que permitíu organizar o evento sen que houbese improvisación ningunha.
Pero non todo queda aí, no campamento romano. O sábado dezanove vivíuse en Sobrado un auténtico día de feira, coa bares e restaurantes ateigados de xente da mañá á tarde, unha proba máis de que o patrimonio arqueolóxico é un factor clave na dinamización dos pequenos pobos e vilas do interior. O efecto Ciadella.
A soberbia Vía principalis na xornada de portas abertas
Outro grupo de visitantes no interior do campamento
Turismos particulares estacionados no aparcadoiro acondicionado no campo de fútbol
No hay comentarios:
Publicar un comentario