Logo dunha campaña arqueolóxica das doutro tempo, daquelas que duraban meses e nas que se xunguían lazos inesquecibles, a actuación desenvolta por Terra Arqueos no lombo da gran dama da gándara, a bela Ciadella, chega ao seu final. Nada vive por sempre. Foron nove meses (nove!!), no que se sucederon crepúsculos outonais, xiadas brancas, nordeses implacables... pero tamén vivimos o florecer dunha nova primavera e o final dun xullo abafante. Parabéns a esta equipa que traballou arreo e soportou de todo, pandemia incluida.
O resultado está aí, espectacular. Agora só queremos que veñan e gocen, pero tamén que coñezan o motor que nos levou ata aquí: limpeza, escavación, restauración, divulgación, nova sinalética, traballo inxente de laboratorio, estudios de materias, ... e, sobre todo, moito esforzo. En realidade, foi necesario un traballo a escala colosal para chegar a este resultado formidable. E non defrauda. Ciadella resplandece como nos mellores tempos da Primeira Cohorte dos Celtíberos.
Para rematar, e ao estilo dos vellos espectáculos de feira e festa, só nos queda dicir: o día trinta, sábado, ás doce, pasen e vexan. Aí estaremos.