Unha vez máis estamos na Ciadella e agora, xa que todo comezou a rodar, pasamos a describir os obxectivos desta actuación tan emotiva e fascinante. O proxecto, promovido e financiado pola Xunta de Galicia e a Unión Europea con cargo aos fondos FEDER Galicia 2014-2020, céntrase na parte central do vello campamento romano, no lugar ao que, históricamente, enfocáronse as escavacións arqueolóxicas. E non é broma. Por aquí pasaron dende Ángel del Castillo, en 1934, ata a arqueoloxía empresarial do novo milenio, pasando pola frutífera etapa da USC e Caamaño Gesto nos anos 80' e 90' do século pasado. Todo deu como resultado a descuberta dun impoñente conxunto de edificios, non casualmente os máis nobres do forte: praetorio, principia, posibles residencias de oficiais, ...
Agora, dando continuidade á campaña desenvolvida en 2020 pola Universidade de Vigo, Terra Arqueos afronta un reto apaixoante: descubrir a Vía Principalis, a arteria principal do campamento e a que o dividía en dúas metades simétricas en senso leste-oeste, e reescavar o Principia. Este edificio, que no seu momento tivo que ser potente, sitúase no núcleo do campamento e, sinxelamente, porque era o seu verdadeiro corazón. Nel situábase o cuartel xeneral da unidade militar, era o motor da pesada burocracia profesional romana, pero tamén era a súa alma: nel custodiábanse as aras dedicasas ás divinidades protectoras da cohoorte, os seus trofeos e os seus estandartes. Un centro administrativo e simbólico.
A zona de actuación unha vez retirada a pasarela e antes do inicio dos traballos
Pero hai máis: a magnitude do traballo desta nova campaña reflíctese nos seguintes números: no Principia actuarase sobre un total de 1.000 m2 e na Vía Principalis algo (non moito) menos: 1.200 m2. Apabullante.
Logo da escavación virá a consolidación e restauración das estruturas, e o acondicionamento do interior do forte: retirada de cascallleiras e pedreiras deixadas polas anteriores intervencións, tapado da Vía Sagularis (a estrada de circunvalación interior do campamento), escavada, tamén por Terra Arqueos, en 2016-17, e a limpeza integral do xacemento. E isto non é unha anécdota. Todos os que pasamos campañas e campañas no forte romano da gándara, coñecemos e pelexamos cunha das súas singularidades: o medre descontrolado, voraz e acelerado da vexetación. E eu non podo menos que pensar que son os paisaxes e a forza da memoria, que a estimulan e devónvenlle a vida.
Limpeza manual de paramentos