domingo, 17 de abril de 2022

A Ciadella non para

 Efectivamente , non para, e en datas feriadas, aínda menos. Esta fin de semana de Pascua solleira víu achegarse ao forte romano a dous novos grupos, ansiosos por coñecer a nova imaxe deste xacemento formidable. O día 15 visitou Ciadella un grupo de 21 persoas, moi heteroxéneo en idade, procedente do concello coruñés de Oza e organizado por un operador turístico profesional. O realmente rechamante era que todas estas persoas... pertencían á mesma familia! Unha simple anécdota se non demostrase o cambio acontecido no modelo de visita ao campamento nos últimos tempos. Xa non se trata do grupo escolar ou da clásica parella de afeccionados á arqueoloxía. Neste caso, unha familia extensa completou unha das súas celebracións senlleiras cunha visita guiada ao xacemento. Por fin Ciadella abre o seu espectro e entra na normalidade dos destinos de turismo cultural.



Un dos grupos que nos visitaron posa diante da porta do Principia


O sábado 15 foi a quenda do roteiro promovido polo Concello de Sobrado dentro do seu plan de ocio activo para as xornadas de Semana Santa. Con baixas COVID de última hora, o grupo acadou os 14 visitantes, moi activos e interesados. Destaca o feito de que case todos os adultos eran profesionais do ensino, algo moi, moi importante.

En realidade, nada deste aluvión tería sido posible sen unha actuación arqueolóxica desta magnitude e calidade. Esta campaña pasará, e o seu plan de divulgación tamén, pero que o concello de Sobrado e os tour operadores oferten a visita á Ciadella nos seus plans de ocio e nos seus paquetes turísticos supón o comezo de algo distinto e ilusionante. As portas dun tempo novo para o vello forte da gándara.



Os visitantes observan e comentan a rede hidráulica localizada na Vía Principalis


domingo, 10 de abril de 2022

Gozando cos sentidos

Este pasado sábado día 9 de abril levouse a cabo a segunda das visitas programadas no proxecto de posta en valor do Principia e da Vía Principalis do forte. O evento coincidíu co próximo remate da fase de restauración das estruturas e foi organizado por Terra Arqueos S.L., coa colaboración do Concello de Sobrado, da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, promotora dos traballos, e da asociación de veciños "A Ciadella", que volveu a ceder os terreos para o aparcamento. E, como sempre, non defraudou.

O arqueólogo da D.X. de Patrimomnio Cultural informa dalgúns dos aspectos da intervención

Cincuenta e unha persoas, unha cifra sorprendente tendo en conta a premura da convocatoria e as malas condicións metereolóxicas dos días anteriores, mesmo da propia véspera, achegáronse  ao forte romano, onde foron recibidos polo alcalde de Sobrado D. Lisardo Santos. Logo percorreron o xacemento da man dos técnicos encargados do Plan de Divulgación e recibiron a pertinente información sobre os obxectivos as características técnicas da actuación por medio do arqueólogo da Dirección Xeral de Patrimonio Cultura e coordinador dos traballos D. Rubén Álvarez Asorey.

O alcalde de Sobrado, recibe e dá a benvida aos asistentes á visita guiada

Este novo éxito de divulgación ven a demostrar dúas cousas: a primeira, que na época da virtualidade e as novas tecnoloxías, a visita guiada e a comunicación verbal seguen a ser imbatibles, as verdadeiras estrelas do turismo cultural. E a segunda, que a Ciadella, as ruínas dun verdadeiro forte imperial romano, un xacemento singular e fermoso, ten un potencial colosal como recurso cultural e turístico. Unha realidade que, arestora e visto o visto, non podemos ignorar. Visitar Ciadella é algo máis que pasar un rato de ocio aprendendo historia, é viaxar polo tempo gozando cos sentidos.

Un momento da visita guiada ao forte romano



martes, 5 de abril de 2022

A nova Ciadella




Para os arqueólogos, nunca haberá nada como a escavación: mergullar, atopar, recuperar e darlle moito, moito, aos miolos. Pero a Ciadella sempre será un reto. Escavada en distintas épocas, e por diferentes mans, ficou sempre nun escenario mudo. O que dicían os visitantes, "eu aquí o vexo, agora, porque o contas, pero se non...". Pedras mortas que nunca emocionaron.

Esta nova fase de restauración procurou rachar esa débeda histórica. Todo é opinable, pero agora, por primeira vez, chegas ao forte e ves unha rúa romana, ollas á beira e dexergas o Principia. Podes apreciar o pavimento daquela impoñente rúa maior, seguir as canles de evacuación de augas, e formarás parte da historia dun auténtico campamento romano. O que estivo aquí, no soportal da túa casa, fai dous mil anos. Achégate e coñéceme, teño moitas historias que contar.



 

A derradeira da vindeira

Logo dunha campaña arqueolóxica das doutro tempo, daquelas que duraban meses e nas que se xunguían lazos inesquecibles, a actuación desenvol...