Este pasado sábado día 9 de abril levouse a cabo a segunda das visitas programadas no proxecto de posta en valor do Principia e da Vía Principalis do forte. O evento coincidíu co próximo remate da fase de restauración das estruturas e foi organizado por Terra Arqueos S.L., coa colaboración do Concello de Sobrado, da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, promotora dos traballos, e da asociación de veciños "A Ciadella", que volveu a ceder os terreos para o aparcamento. E, como sempre, non defraudou.
Cincuenta e unha persoas, unha cifra sorprendente tendo en conta a premura da convocatoria e as malas condicións metereolóxicas dos días anteriores, mesmo da propia véspera, achegáronse ao forte romano, onde foron recibidos polo alcalde de Sobrado D. Lisardo Santos. Logo percorreron o xacemento da man dos técnicos encargados do Plan de Divulgación e recibiron a pertinente información sobre os obxectivos as características técnicas da actuación por medio do arqueólogo da Dirección Xeral de Patrimonio Cultura e coordinador dos traballos D. Rubén Álvarez Asorey.
Este novo éxito de divulgación ven a demostrar dúas cousas: a primeira, que na época da virtualidade e as novas tecnoloxías, a visita guiada e a comunicación verbal seguen a ser imbatibles, as verdadeiras estrelas do turismo cultural. E a segunda, que a Ciadella, as ruínas dun verdadeiro forte imperial romano, un xacemento singular e fermoso, ten un potencial colosal como recurso cultural e turístico. Unha realidade que, arestora e visto o visto, non podemos ignorar. Visitar Ciadella é algo máis que pasar un rato de ocio aprendendo historia, é viaxar polo tempo gozando cos sentidos.
Un momento da visita guiada ao forte romano
No hay comentarios:
Publicar un comentario