domingo, 26 de diciembre de 2021

Aldaba de Nadal

 En moitas campañas arqueolóxicas o Nadal tamén é unha data senlleira, unha aldaba que fai xirar o canzorro da porta. Na Ciadella supuxo aproximarse ao remate da escavación arqueolóxica da Vía Principalis e do conxunto de edificacións que formaban o Principia, o cuartel xeral, o corazón e o embigo do campamento. E os resultados non defraudaron.

 

 Área escavada co Principia e a soberbia Vía Principalis percorrendo o ancho do campamento

 

Dende o punto de vista da estrutura do forte, a Vía revelouse como unha auténtica rúa urbana de aspecto clásico: coidadosamente pavimentada, rectilínea, franqueada de edificios asoportalados e cun espectacular sistema de recollida e evacuación de augas pluviais, algo moi necesario para un asentamento situado nunha zona tan chuviosa. Unha nova imaxe para a vella Ciadella.



Vista da canle da beirarrúa da Vía principalis, co seu fundo elaborado en tegulae

 

O rexistro material non foi espectacular, tendo en conta o fértil que sempre foi este depósito, pero, malia todo, deixou para o final o alboroque que culmina a obra. E foi dos emocionantes, dos que gustan aos arqueólogos. Reutilizada na bese dun muro tardío, como corresponde a un xacemento cunha longa secuencia de ocupación (e non únicamente militar), xurdíu, como unha mensaxe do alén, a inscrición funeraria dun dos protagonistas da historia da gándara. E non, non era a do prefecto da cohoorte, nin a do legado imperial, nin siquera a dun centurión veterano,... era a dun neno. Morto á idade de nove anos, seis meses e nove días e dedicada polo seu pai. E só cabe concluir: as pequenas testemuñas de amor son sempre o motor da gran historia. Así é a arqueoloxía que procuramos: sensacións en estado puro.


Aparición da estela funeraria reutilizada nunha base ou lumieira dun muro

 

A estela unha vez rematado o proceso de escavación




 

domingo, 19 de diciembre de 2021

Indo aos muros

Na Ciadella non todo o que reloce é ouro. Os restos escavados nos anos 80' e 90' do século pasado restauráronse con criterios adaptados ao seu tempo. Os seus autores foron honestos, non fixeron  nada que outros non acometeran antes, pero, arestora, gran parte das estruturas necesitan dunha reparación urxente. 

Aqueles muros cachoteados da Ciadella, contundentes e rectos, débense á iniciativa, realmente pioneira, do profesor Caamaño Gesto, que sempre quixo expoñer e por en valor os restos que, ano tras ano, escavaba. En certo senso, pode entenderse a imaxe da Ciadella dos anos noventa como unha instantánea do que se se esperaba de calquera  restauración arqueolóxica en Galicia.

Tres décadas despois,o escenario mudou consideralemente. Así, nesta nova campaña, planeamos a retirada das fiadas de seguridade que se inzaron naqueles tempos idos, co obxectivo de salvagadar as estruturas exhumadas. Eses traballos cumpriron a súa función: conservaron os restos romanos orixinais e permitiron a visita ao Campamento durante moitos, moitos anos. Pero foron demasiados. O xacemento, visibilizado naqueles irregulares paramentos de cachotería, postos con tanto entusiasmo e agarimo, degradábanse aceleradamente, e o lugar cada vez era menos comprensible.



Miguel A. López Marcos, o responsable da restauración, e Pablo López, técnico restaurador, traballando na retirada das fiadas de seguridade instaladas nos ano noventa do século pasado


Arestora, acometemos un traballo complexo: retirar as fiadas de seguridade que se levantaron nas heroicas campañas anteriores. Tiveron un grande, impagable mérito: conservaron, baixo súa, a estrutura orixinal. Pero tamén erraron: non respectaron, en moitos tramos, o sistema construtivo romano, nin deixaron testemuñas diferenciadoras. Nada grave. O forte  romano das Agras recuperará todo o seu esplendor, o que merece a Gran Dama da Gándara


miércoles, 15 de diciembre de 2021

Retellando

Foi nas primeiras campañas dos anos 80 do pasado século, cando o profesor Caamaño Gesto, lembrada alma máter deste excepcional sitio arqueolóxico, descubríu as primeiras marcas, ou mellor dito, selos, que aestampaban  moitas pezas de cerámica de construción do campamento. 

Esta práctica, identificar materiais de construción por medio dunha marca, revela o carácter práctico e tamén o poder das manufacturas industriais de época romana. Os selos, que non son exclusivos do material latericio e que aparecen en outros moitos tipos de obxectos (ánforas, por exemplo), tiñan como finalidade identificar e contabilizar lotes de produción. Unha mostra máis de que Roma, coa súa ben engrasada maquinaria burocrática, parécese a nós moito máis do que pensamos.

E onte tivemos no campamento un achado singular. Modesto, por pequeno, pero tremendamente emotivo. O campamento, dentro das murallas, estaba formado por un abigarrado conxunto de construcións, de planta cadrada ou rectangular, que se organizaban según un trazado xeométrico de liñas rectas e ángulos de 90º. Todo moi clásico. Pero o realmente singular, no contexto da Gallaecia norteña era que todas (aparentemente todas, porque a masa de restos é descomunal), estaban teitadas ao estilo romano. Mentres no resto da contorna dominarían os teitos de colmo, no forte, visualmente impoñente, coa súa cerca almenada fortalecida por torres de flanqueo, barrracóns e edificios regios teitábanse con esa solución mixta que tan ben coñecemos os arqueólogos: un tellado formado por placas planas (tegula), combinadas con pezas curvas (imbrex), todas realizadas en arxela cocida en fornos de producción industrial.

Un lugar como este, onde una unidade militar de aproximadamente cincocentos homes estivo acantonada durante dous séculos, tivo que ser un cliente formidable deste tipo de material. E así foi durante longo tempo. A forma do selo cambia, pero sempre están aí as lendarias iniciais da Primeira Cohorte dos Celtíberos. Neste caso, trátase dun lote, un pedido ou un alfar habitual, porque o selo xa era coñecido: CHOIC. O importante é que, neste fragmento solitario, os portentosos alfareiros romanos selaron un imbrex (a tella curva), non unha tégula, nin un ladrillo. Unha novidade e algo realmente excepcional no repertorio material de Ciadella.



O fragmento de "imbrex" co selo da unidade militar que ocupou o forte de Ciadella


E para remate, un clásico da arqueoloxía. Din que os arqueólogos procuramos tesouros, pero non é certo. Desengánense. Esta peza, tan importante, saíu dunha simple canle de desaugue da Vía Principalis.



A peza, no extremo inferior da canle en proceso de escavación

martes, 14 de diciembre de 2021

De rúas e santuarios

 As duras condicións metereolóxicas deste comezo de decembro dificultaron moito o desenvolvemento dos traballos, pero a actividade arqueolóxica continúa arestora no forte da gándara. E con novidades que, en certo senso, cambian un pouco a imaxe que ata agora tiñamos do campamento.

Unha delas é, como todo parece indicar, que a Vía Principalis, a arteria fundamental na traza urbana do lugar, ademais de estar pavimentada e ter os seus propios sistemas de recollida e evacuación de pluviais, tal que as nosas de hoxe en día, estaba porticada. É dicir, que os edificios que se abrían a unha e outra beira tiñan soportais. Resulta emocionante pensar que esa tradición tan característica das  cidades galegas, a de rúas asoportaladas, ten unha antiguedade de case 2.000 nos e que, seguramente, Ciadella foi un dos seus primeiros exemplos.



Basa de columna dun soportal atopada in situ na beirarrúa da Vía Principalis


As construcións da beira Norte da Vía eran edificacións de carácter nobre, as máis senlleiras do campamento. Agora estamos actuando sobre o Principia, escavado polo lembrado José Manuel Caamaño a finais do século pasado. É un conxunto de dependencias que forman unha gran estrutura que podemos entender como o corazón do campamento. Nel situábese o cuartel xeral, o arquivo e administración e outras funcións imprescindibles, entre as que destaca o aedes, un pequeno santuario onde se situaban as aras dedicadas ás divinidades protectoras do forte e a unidade militar, e se custodiaban os estandartes e os trofeos conquistados ao inimigo. A cerna, o núcleo, o auténtico centro simbólico do forte remano de Ciadella.



O Aedes en procedo de reescavación e limpeza



Restos arqueolóxicos do Principia

A derradeira da vindeira

Logo dunha campaña arqueolóxica das doutro tempo, daquelas que duraban meses e nas que se xunguían lazos inesquecibles, a actuación desenvol...