miércoles, 15 de diciembre de 2021

Retellando

Foi nas primeiras campañas dos anos 80 do pasado século, cando o profesor Caamaño Gesto, lembrada alma máter deste excepcional sitio arqueolóxico, descubríu as primeiras marcas, ou mellor dito, selos, que aestampaban  moitas pezas de cerámica de construción do campamento. 

Esta práctica, identificar materiais de construción por medio dunha marca, revela o carácter práctico e tamén o poder das manufacturas industriais de época romana. Os selos, que non son exclusivos do material latericio e que aparecen en outros moitos tipos de obxectos (ánforas, por exemplo), tiñan como finalidade identificar e contabilizar lotes de produción. Unha mostra máis de que Roma, coa súa ben engrasada maquinaria burocrática, parécese a nós moito máis do que pensamos.

E onte tivemos no campamento un achado singular. Modesto, por pequeno, pero tremendamente emotivo. O campamento, dentro das murallas, estaba formado por un abigarrado conxunto de construcións, de planta cadrada ou rectangular, que se organizaban según un trazado xeométrico de liñas rectas e ángulos de 90º. Todo moi clásico. Pero o realmente singular, no contexto da Gallaecia norteña era que todas (aparentemente todas, porque a masa de restos é descomunal), estaban teitadas ao estilo romano. Mentres no resto da contorna dominarían os teitos de colmo, no forte, visualmente impoñente, coa súa cerca almenada fortalecida por torres de flanqueo, barrracóns e edificios regios teitábanse con esa solución mixta que tan ben coñecemos os arqueólogos: un tellado formado por placas planas (tegula), combinadas con pezas curvas (imbrex), todas realizadas en arxela cocida en fornos de producción industrial.

Un lugar como este, onde una unidade militar de aproximadamente cincocentos homes estivo acantonada durante dous séculos, tivo que ser un cliente formidable deste tipo de material. E así foi durante longo tempo. A forma do selo cambia, pero sempre están aí as lendarias iniciais da Primeira Cohorte dos Celtíberos. Neste caso, trátase dun lote, un pedido ou un alfar habitual, porque o selo xa era coñecido: CHOIC. O importante é que, neste fragmento solitario, os portentosos alfareiros romanos selaron un imbrex (a tella curva), non unha tégula, nin un ladrillo. Unha novidade e algo realmente excepcional no repertorio material de Ciadella.



O fragmento de "imbrex" co selo da unidade militar que ocupou o forte de Ciadella


E para remate, un clásico da arqueoloxía. Din que os arqueólogos procuramos tesouros, pero non é certo. Desengánense. Esta peza, tan importante, saíu dunha simple canle de desaugue da Vía Principalis.



A peza, no extremo inferior da canle en proceso de escavación

No hay comentarios:

Publicar un comentario

A derradeira da vindeira

Logo dunha campaña arqueolóxica das doutro tempo, daquelas que duraban meses e nas que se xunguían lazos inesquecibles, a actuación desenvol...