Na Ciadella non todo o que reloce é ouro. Os restos escavados nos anos 80' e 90' do século pasado restauráronse con criterios adaptados ao seu tempo. Os seus autores foron honestos, non fixeron nada que outros non acometeran antes, pero, arestora, gran parte das estruturas necesitan dunha reparación urxente.
Aqueles muros cachoteados da Ciadella, contundentes e rectos, débense á iniciativa, realmente pioneira, do profesor Caamaño Gesto, que sempre quixo expoñer e por en valor os restos que, ano tras ano, escavaba. En certo senso, pode entenderse a imaxe da Ciadella dos anos noventa como unha instantánea do que se se esperaba de calquera restauración arqueolóxica en Galicia.
Tres décadas despois,o escenario mudou consideralemente. Así, nesta nova campaña, planeamos a retirada das fiadas de seguridade que se inzaron naqueles tempos idos, co obxectivo de salvagadar as estruturas exhumadas. Eses traballos cumpriron a súa función: conservaron os restos romanos orixinais e permitiron a visita ao Campamento durante moitos, moitos anos. Pero foron demasiados. O xacemento, visibilizado naqueles irregulares paramentos de cachotería, postos con tanto entusiasmo e agarimo, degradábanse aceleradamente, e o lugar cada vez era menos comprensible.
Miguel A. López Marcos, o responsable da restauración, e Pablo López, técnico restaurador, traballando na retirada das fiadas de seguridade instaladas nos ano noventa do século pasado
Arestora, acometemos un traballo complexo: retirar as fiadas de seguridade que se levantaron nas heroicas campañas anteriores. Tiveron un grande, impagable mérito: conservaron, baixo súa, a estrutura orixinal. Pero tamén erraron: non respectaron, en moitos tramos, o sistema construtivo romano, nin deixaron testemuñas diferenciadoras. Nada grave. O forte romano das Agras recuperará todo o seu esplendor, o que merece a Gran Dama da Gándara
No hay comentarios:
Publicar un comentario