Un lugar nunca se abandona de todo, e nós mesmos podémolo sentir cada día, vivindo en vilas, aldeas ou cidades que funden as súas raiceiras na Idade Media, na época romana ou mesmo en tempos prehistóricos. Por eso non pode sorprendre que a Ciadella tivese vida logo da marcha da garnición militar que a ocupaba.
Se deixamos ao lado o asentamento militar, esta tamén tivo que ser unha época fascinante, un tempo rodeado de enigmas e profundos cambios do que no xacemento quedan numerosos restos arqueolóxicos. Cando a Cohorte se foi, deixou ás súas costas unha paisaxe construída que non se podía perder e que foi reocupada e reutilizada de xeito incesante, pero tamén selectivo.
Dese escenario post-cohorte, os restos máis senlleiros pertencen a unha primitiva igrexa cristián. Como non podía ser menos, inzada no medio e medio do recinto fortificado. Unha mensaxe clara dun novo poder que chegou para quedarse.
O templo debeuse erguer non primeiros tempos desa nova etapa e seguíu en pé, posiblemente, ata o século XI, cando parece que se inicia a construción dun novo, xa ex-castris: a actual parroquial de Santa María de Ciadella, un pequeno templo románico, fermoso e dotado dun encanto moi especial. Os restos que perviven daquela pequena igrexa remiten ao característico estilo prerrománico: planta de salón e ábsida cuadrangular, un tipo ben coñecido no país.
Esa construción, cos seus potentes muros e a súa orientación canónica, coa cabeceira ollando o Leste, o lugar de nacemento do sol, non estaba soa. Ao seu arredor organizaba un espazo abarrotado de novas construcións e edificios reutilizados, polo que existe a posibilidade certa de que fose o núcleo litúrxico e simbólico dunha comunidade monástica que elixíu o vello campamento como lugar para vivir... e morrer, tal e como demostran as tumbas exhumadas.
Pero todo ten un final. A Ciadella víu pasar a soldados, funcionarios imperiais, xermanos e monxes cristiáns, para rematar convertida nunha solitaria agra de cultivo. E xa só quedan elas, as pedras vivas, a memoria do forte.
No hay comentarios:
Publicar un comentario