Este martes 14 de xuño, día solleiro e caluroso na gándara, Ciadella sufriu un auténtico chute de enerxía, a que sempre precisa a vella dama, incriblemente solitaria gran parte do ano. Xa o saben, foi o seu tempo, o da rapazada do CEIP Virxe do Portal de Sobrado, un grupo que nunca nos deixará camiñar sós.
Alegres e rebuldeiras, 43 alumnas e alumnos de infantil e primaria, acompañadas das súas mestras e mestres, participaron nesta xornada máxica nos dous obradoiros programados dentro do plan de divulgación da actuación arqueolóxica, executada por Terra Arqueos. Lonxe dos discursos eruditos e pelmazos que acompañan a tantas visitas guiadas, aquí o obxectivo estaba claro: aprender xogando e, de paso, utilizar o xacemento como un equipamento lúdico e educativo. Sen trabas, sen medo. E vaia se resultou. Mesmo entre obradoiro e obradoiro, na merenda, as nenas e nenos organizáronse en grupos de dez, como se fosen as antigas contubernia da Primeira Cohoorte. Elas mesmas nomearon á súa propia centuriona e, entre todas, á pretora, que resultou chamarse Valentina, un nome de forte raíz tardorromana, un emocionante guiño seu ao pasado.
Como sempre o plato forte estivo ao final: plasmar nunha folla en branco como pensaban elas que era o campamento. Imaxinación ao poder en estado puro. E o resultado resultou impactante. Ademáis de xogar e correr polas dependencias do Pretorio e a Vía Principais, todas estas nenas e nenos de entre 3 e 9 anos, estiveron atentas, escoitaron, entenderon e aprenderon gran parte da súa historia. E saben por que? Por que a arqueoloxía só é un relato, un conto marabilloso. E así o gozamos. Grazas, meu cole!
No hay comentarios:
Publicar un comentario