martes, 26 de julio de 2022

A derradeira da vindeira

Logo dunha campaña arqueolóxica das doutro tempo, daquelas que duraban meses e nas que se xunguían lazos inesquecibles, a actuación desenvolta por Terra Arqueos no lombo da gran dama da gándara, a bela Ciadella, chega ao seu final. Nada vive por sempre. Foron nove meses (nove!!), no que se sucederon crepúsculos outonais, xiadas brancas, nordeses implacables... pero tamén vivimos o florecer dunha nova primavera e o final dun xullo abafante. Parabéns a esta equipa que traballou arreo e soportou de todo, pandemia incluida.

O resultado está aí, espectacular. Agora só queremos que veñan e gocen, pero tamén que coñezan o motor que nos levou ata aquí: limpeza, escavación, restauración, divulgación, nova sinalética, traballo inxente de laboratorio, estudios de materias, ... e, sobre todo, moito esforzo. En realidade, foi necesario un traballo a escala colosal para chegar a este resultado formidable. E non defrauda. Ciadella resplandece como nos mellores tempos da Primeira Cohorte dos Celtíberos. 

Para rematar, e ao estilo dos vellos espectáculos de feira e festa, só nos queda dicir: o día trinta, sábado, ás doce, pasen e vexan. Aí estaremos.




martes, 14 de junio de 2022

Ciadella viva e máis moza: os obradoiros

 Este martes 14 de xuño, día solleiro e caluroso na gándara, Ciadella sufriu un auténtico chute de enerxía, a que sempre precisa a vella dama, incriblemente solitaria gran parte do ano. Xa o saben, foi o seu tempo, o da rapazada do CEIP Virxe do Portal de Sobrado, un grupo que nunca nos deixará camiñar sós.

Alegres e rebuldeiras, 43 alumnas e alumnos de infantil e primaria, acompañadas das súas mestras e mestres, participaron nesta xornada máxica nos dous obradoiros programados dentro do plan de divulgación da actuación arqueolóxica, executada por Terra Arqueos. Lonxe dos discursos eruditos e pelmazos que acompañan a tantas visitas guiadas, aquí o obxectivo estaba claro: aprender xogando e, de paso, utilizar o xacemento como un equipamento lúdico e educativo. Sen trabas, sen medo. E vaia se resultou. Mesmo entre obradoiro e obradoiro, na merenda, as nenas e nenos organizáronse en grupos de dez, como se fosen as antigas contubernia da Primeira Cohoorte. Elas mesmas nomearon á súa propia centuriona e, entre todas, á pretora, que resultou chamarse Valentina, un nome de forte raíz tardorromana, un emocionante guiño seu ao pasado.



Como sempre o plato forte estivo ao final: plasmar nunha folla en branco como pensaban elas que era o campamento. Imaxinación ao poder en estado puro. E o resultado resultou impactante. Ademáis de xogar e correr polas dependencias do Pretorio e a Vía Principais, todas estas nenas e nenos de entre 3 e 9 anos, estiveron atentas, escoitaron, entenderon e aprenderon gran parte da súa historia. E saben por que? Por que a arqueoloxía só é un relato, un conto marabilloso. E así o gozamos. Grazas, meu cole!








domingo, 22 de mayo de 2022

Perpetuum mobile

 Non hai discusión, os depósitos arqueolóxicos son entes vivos, nunca se deteñen e sempre mostran caras distintas. Por pouco que se lles faga caso, ollan para ti, cómplices, e te devolven un sorriso enigmático e novo. Por iso eu, cada vez que escavo,  sempre penso que estou diante dunha Gioconda eternamente xove, agochada detrás dun impenetrable bastidor de herba verde e terra húmida.

Un dos pratos fortes desta campaña na grande Ciadella foi a fase de restauración. Un traballo sisudo e meticuloso que se nutriu da espectacular, e moi, moi dura, campaña de escavación. Sempre aí, na gándara xeada e co xeneral inverno bufando nas calugas.

E como os arqueólogos somos de catas, sondaxes, toma de mostras e outras cousas polo estilo, vaian dúas imaxes, de antes e despois, que ilustran, a nivel de detalle, o fantástico traballo de restauración feito no forte romano de Sobrado todos estes meses. A gran dama é vella, pero tamén moi sabia.  Estará feliz, non si?







domingo, 17 de abril de 2022

A Ciadella non para

 Efectivamente , non para, e en datas feriadas, aínda menos. Esta fin de semana de Pascua solleira víu achegarse ao forte romano a dous novos grupos, ansiosos por coñecer a nova imaxe deste xacemento formidable. O día 15 visitou Ciadella un grupo de 21 persoas, moi heteroxéneo en idade, procedente do concello coruñés de Oza e organizado por un operador turístico profesional. O realmente rechamante era que todas estas persoas... pertencían á mesma familia! Unha simple anécdota se non demostrase o cambio acontecido no modelo de visita ao campamento nos últimos tempos. Xa non se trata do grupo escolar ou da clásica parella de afeccionados á arqueoloxía. Neste caso, unha familia extensa completou unha das súas celebracións senlleiras cunha visita guiada ao xacemento. Por fin Ciadella abre o seu espectro e entra na normalidade dos destinos de turismo cultural.



Un dos grupos que nos visitaron posa diante da porta do Principia


O sábado 15 foi a quenda do roteiro promovido polo Concello de Sobrado dentro do seu plan de ocio activo para as xornadas de Semana Santa. Con baixas COVID de última hora, o grupo acadou os 14 visitantes, moi activos e interesados. Destaca o feito de que case todos os adultos eran profesionais do ensino, algo moi, moi importante.

En realidade, nada deste aluvión tería sido posible sen unha actuación arqueolóxica desta magnitude e calidade. Esta campaña pasará, e o seu plan de divulgación tamén, pero que o concello de Sobrado e os tour operadores oferten a visita á Ciadella nos seus plans de ocio e nos seus paquetes turísticos supón o comezo de algo distinto e ilusionante. As portas dun tempo novo para o vello forte da gándara.



Os visitantes observan e comentan a rede hidráulica localizada na Vía Principalis


domingo, 10 de abril de 2022

Gozando cos sentidos

Este pasado sábado día 9 de abril levouse a cabo a segunda das visitas programadas no proxecto de posta en valor do Principia e da Vía Principalis do forte. O evento coincidíu co próximo remate da fase de restauración das estruturas e foi organizado por Terra Arqueos S.L., coa colaboración do Concello de Sobrado, da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, promotora dos traballos, e da asociación de veciños "A Ciadella", que volveu a ceder os terreos para o aparcamento. E, como sempre, non defraudou.

O arqueólogo da D.X. de Patrimomnio Cultural informa dalgúns dos aspectos da intervención

Cincuenta e unha persoas, unha cifra sorprendente tendo en conta a premura da convocatoria e as malas condicións metereolóxicas dos días anteriores, mesmo da propia véspera, achegáronse  ao forte romano, onde foron recibidos polo alcalde de Sobrado D. Lisardo Santos. Logo percorreron o xacemento da man dos técnicos encargados do Plan de Divulgación e recibiron a pertinente información sobre os obxectivos as características técnicas da actuación por medio do arqueólogo da Dirección Xeral de Patrimonio Cultura e coordinador dos traballos D. Rubén Álvarez Asorey.

O alcalde de Sobrado, recibe e dá a benvida aos asistentes á visita guiada

Este novo éxito de divulgación ven a demostrar dúas cousas: a primeira, que na época da virtualidade e as novas tecnoloxías, a visita guiada e a comunicación verbal seguen a ser imbatibles, as verdadeiras estrelas do turismo cultural. E a segunda, que a Ciadella, as ruínas dun verdadeiro forte imperial romano, un xacemento singular e fermoso, ten un potencial colosal como recurso cultural e turístico. Unha realidade que, arestora e visto o visto, non podemos ignorar. Visitar Ciadella é algo máis que pasar un rato de ocio aprendendo historia, é viaxar polo tempo gozando cos sentidos.

Un momento da visita guiada ao forte romano



martes, 5 de abril de 2022

A nova Ciadella




Para os arqueólogos, nunca haberá nada como a escavación: mergullar, atopar, recuperar e darlle moito, moito, aos miolos. Pero a Ciadella sempre será un reto. Escavada en distintas épocas, e por diferentes mans, ficou sempre nun escenario mudo. O que dicían os visitantes, "eu aquí o vexo, agora, porque o contas, pero se non...". Pedras mortas que nunca emocionaron.

Esta nova fase de restauración procurou rachar esa débeda histórica. Todo é opinable, pero agora, por primeira vez, chegas ao forte e ves unha rúa romana, ollas á beira e dexergas o Principia. Podes apreciar o pavimento daquela impoñente rúa maior, seguir as canles de evacuación de augas, e formarás parte da historia dun auténtico campamento romano. O que estivo aquí, no soportal da túa casa, fai dous mil anos. Achégate e coñéceme, teño moitas historias que contar.



 

sábado, 26 de marzo de 2022

Restauración

 Co inicio da primavera, tamén deron comezo os traballos de restauración das estruturas arqueolóxicas localizadas na escavación da Vía Principalis e dos conxunto de edificios que forman o Principia, a sala de maquinas e o corazón do forte romano. 



Estruturas murarias do Principia xa restauradas


A restauración foi (e, lamentablemente, sigue sendo) moitas veces ententida como unha fase "secundaria" da actuación arqueolóxica, sempre a rebufo da escavación manual. Nada máis lonxe da realidade. Trátase dun traballo complexo, case cirúrxico, que esixe moita destreza, moita calidade técnica e un gran coñecemento das técnicas e materiais constructivos da Antigüidade. Así, neste caso, a restauración dos muros faise respectando escrupulosamente o sistema construtivo orixinal romano, empregando, loxicamente, os preceptivos elementos separadores. E xa podemos ir avanzando que o resultado está sendo espectacular.



O equipo en plena fase de restauración do Principia


Por si todo o anterior non abondase, a fase de restauración tamén é transcendental porque ven a ser algo así como a escrita definitiva da actuación, a presentación que os visitantes terán do xacemento a a traveso da cal o coñecerán e interpretarán. Polo tanto, fundamental en calquera proxecto de posta en valor

Como é habitual nos equipos de Terra Arqueos dirixidos por Luis Fco. López, o responsable dos traballos é o talentoso arqueólogo e restaurador Miguel Ángel López Marcos, con ampla experiencia en toda a península e coñedido internacionalmente por estar ao cargo dos traballos de recuperación e restauración do impresionante conxunto de escultura monumental dos templos de Luxor, en Exipto. Todo un luxo.

A derradeira da vindeira

Logo dunha campaña arqueolóxica das doutro tempo, daquelas que duraban meses e nas que se xunguían lazos inesquecibles, a actuación desenvol...